segunda-feira, 26 de maio de 2014

Criticalia / El Ideal Gallego / Diario de Ferrol




Peregrinaxes literarias

por Armando Requeixo


Quero dar hoxe noticia dun escritor singular, un autor no que se dá unha síntese única: Pedro Miguel Rocha, un narrador nacido en Vouzela (1973), no distrito portugués de Viseu, que é, sen dúbida, o máis galego dos creadores lusos.

No seu afán por aproximar culturalmente Portugal a Galicia formou parte, a finais da década dos 90, da Associação de Amizade Galiza-Portugal e asistiu tamén a cursos de Lingua e Cultura Galegas na Universidade do Minho e a Universidade Nova de Lisboa.

Certamente, aínda sendo Rocha escritor de expresión portuguesa, as temáticas, os personaxes a localización das súas historias e todo o tecido das súas obras teñen un inequívoco selo galego.

Ata o de agora, son catro os títulos dados a coñecer por este docente de Literatura Portuguesa, tamén editor na referencial Porto Editora e aínda investigador: Juntos temos poder (2009), Chegámos a Fisterra (2010), O eremita galego (2011, Prémio Literário Maria Ondina Braga) e os ben recentes Contos peregrinos (2014), dos que me ocuparei a seguir.

Os quince relatos que compoñen este libro son un exemplo acabado de irmandade luso-galega, non só porque en varios deles o protagonismo e mesmo a localización sexan nosas, senón porque cada conto se acompaña dun posfacio escrito por diferentes autores entre os que se contan tres galegos (o novelista e profesor Carlos Quiroga, o narrador Séchu Sende e quen asina). Son, amais, historias que defenden a necesidade da utopía, das utopías, afirmando a confianza na consecución dun mundo futuro mellor, ecolóxico, onde o respecto pola diferenza sexa moeda común e o librepensamento a única bandeira. Neste sentido, as narracións de Contos peregrinos afincan moi visiblemente na práctica da pluralidade multicultural, no respecto idiomático e a convivencia dos distintos vehículos lingüísticos da área luso-galega.

Resulta estimulante comprobar a feliz conxunción do real empírico e o real onírico que se dá nestes textos. Somos o que soñamos, xa se sabe, e esa máxima que tantos abonaron, dende Shakespeare ata Cunqueiro, esprémea aquí Rocha ata as últimas consecuencias, facendo convivir nos relatos vivos e espectros, seres imposibles con xente do común, ensaiando a distopía en diversas ocasións.

O carácter peregrino desta narrativa, o que nela hai de alusivo aos camiños composteláns, é tamén un acerto que presenta a cidade do Apóstolo como símbolo e crisol de mundos, de culturas, un territorio común e universal, camiño aberto polo que transitar a vida e aprender dela.

Humanista, defensor dun mundo de valores e mañá esperanzado, Rocha non evita a crítica ás miserias sociais e os abusos de poder que nos rodean. Todo o contrario, a súa visibilización é, de feito, o primeiro paso para mudar ese estado de cousas, para persuadirnos da marxe de mellora, e aí é onde reside a carga subversiva destes contos.

Como narrador Rocha é un estilista clásico, que arquitecturiza as narracións rexeitando os construtos alambicados. Conta claro e seguido, con progresión lineal e acaída caracterización dos personaxes. Persegue comunicar unha historia, un sentimento, unha situación crucial, non recrearse no manierismo da greca formal, o que coido é todo un acerto.

Editados con sumo gusto por Esfera do Caos (atractiva cuberta, intelixentes paratextos e óptima escolla tipográfica, de caixa e materiais), estes Contos peregrinos son a confirmación literaria dun autor ao que se ten alcumado, con xustiza, como o ‘escritor portugués de alma galega’, un autor no que a fusión transmiñota encarna e brilla con todo esplendor.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 26-5-2014]


Sem comentários:

Enviar um comentário